Dextrano

Dextrano.

O dextrano é un polisacárido complexo ramificado formado por unidades de glicosa constituído por cadeas de variada lonxitude (de 3 a 2000 quilodaltons) de orixe bacteriana. Ten usos terapéuticos como anticoagulante (antitrombótico), para reducir a viscosidade do sangue, e no tratamento da anemia[1].

A cadea principal consta de glicosas unidas por enlace O-glicosídico α-1,6, e as ramas únense á cadea principal por enlaces α-1,3 nos puntos de ramificación[2] (no producido por Leuconostoc mesenteroides). É soluble en auga. A súa rotación óptica específica vai de +195 a +201 a 25 °C[3].

O dextrano é sintetizado a partir da sacarosa por certas bacterias do ácido láctico, como Leuconostoc mesenteroides e Streptococcus mutans. A placa dental é rica en dextranos. Tamén forman dextranos as bacterias do ácido láctico Lactobacillus brevis, que, xunto con lévedos, forman os gránulos (tibicos) da auga de quefir, bebida fermentada con efectos supostamente beneficiosos para a saúde.

Os dextranos foron descubertos por Louis Pasteur como un produto microbiolóxico que atopou no viño.[4]

  1. Medical Surgical Nursing, 7th Edition, Lewis, 2008
  2. "Estrutura do dextrano.". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2018. Consultado o 01 de outubro de 2011. 
  3. "Propiedades físicas.". Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2018. Consultado o 08 de novembro de 2018. 
  4. Pasteur, L. On the viscous fermentation and the butyrous fermentation. Bull. Soc. Chim. Paris 11, 30–31 (1861)

Developed by StudentB